
Programa das Festas de San Froilán do ano 1904.
O San Froilán
As festas patronais celébranse na actualidade en Lugo cada ano do 4 ao 12 de outubro.
San Froilán, o patrono de Lugo, naceu na cidade das murallas no ano 833 no Regueiro dos Hortos ao carón da capela do Carme e foi bispo de León ata a súa morte no ano 905.
O San Froilán nace por mor da festa relixiosa que xira en torno ao día de San Froilán, 5 de outubro, e que se celebra xa desde a Idade Media, e os actos que nacen á vez que a feira e como entretemento para todos aqueles que acudían a Lugo a vender e comprar. Así aos festexos relixiosos que duraban un día úneselle no século XVIII todo o relativo a unha feira que dura varios días.
O sagrado e o profano únense para dar orixe ás Festas de San Froilán. A finais do século XIX os actos relixiosos e a feira irán perdendo protagonismo a favor da festa, pero seguirán marcando o carácter e a singular estrutura que mantén na actualidade. Como un dos alicerces da festa foi a feira, fixo que as festas de San Froilán sexa un evento colectivo desde o principio, xa que na súa organización participan tamén institucións, comerciantes, asociacións e cidadáns de Lugo
Os primeiros festexos son organizados por unha comisión de festas na que participa o concello como principal impulsor, á que se suman institucións e entidades lucenses, así como representantes dos comerciantes e coa que tamén colaboran os cidadáns a través de doazóns. O século XX o papel do Concello consolídase, sendo na actualidade a Concellaría de Cultura e Turismo a encargada de organizar o programa festivo
. Precisamente son os seus actos e diversións o que fixo de San Froilán unha festa única, xa que se moitos foron variando outros se mantiveron inalterables ao longo do tempo. O día de San Froilán e O Domingo dás Mozas son os dous días grandes da festa. Tamén son tradicionais o polbo, as barracas, os paseos, as actividades culturais, os actos deportivos, a recuperación e difusión do folclore galego e as verbenas.
. Os concertos, a cultura, o deporte, a gastronomía e a diversión danse a man durante uns días en Lugo. Comeza a festa co pregón, o foguete desde o balcón do concello. Non faltan os xigantes e cabezudos, as dianas e alboradas. Os paseos polos postos e atraccións, xogos para nenos e adultos, concertos, actividades deportivas, actos culturais, a festa galega e as verbenas. Sempre o mesmo pero sempre diferente.
A cidade cambia, transfórmase para recibir aos visitantes. Ilumínanse as rúas, os edificios emblemáticos, os postos, atraccións e barracas toman as rúas. A festa, como a cidade, foi crecendo, desde o seu primeiro emprazamento en San Roque e na Praza Maior, e ligada á feira, foi tomando as rúas da cidade, cambiando a súa localización tendo cada vez un tamaño maior e gañando en calidade.
Xente de toda Galicia acode ao San Froilán, converténdose na festa máis populosa e importante da Comunidade Autónoma.
A inauguración do Camiño Real no século XVIII, a chegada do primeiro tren a Lugo, os primeiros autobuses, e as modernas autovías fixeron que cada ano haxa máis atraccións e visitantes. As feiras e festas de San Froilán foron desde o seu inicio unha forma de achegar Lugo a xentes doutros lugares. Se nun principio o reclamo para visitar Lugo nesas datas era a feira, a festa adquiriu tal fama que se converteu nun reclamo turístico de primeira magnitude para a cidade amurallada
A partir do ano 2006, as festas gozan dun espírito aínda máis universal, ao alcanzar a denominación de festa de Interese Turístico Nacional e ademais Festa de interese turístico galego.

San Froilán represéntase xeralmente cun báculo e un lobo.