Recomendacións ós alumnos e alumnas.
- É importante que almorces forte, xantes ben, merendes e non cees moito. Debes cear cedo, inxerindo alimentos lixeiros e dixestivos.
- Debes ter un lugar axeitado para estudiar, libre de ruídos e de elementos distraidores (televisión, música, xente que te interrompa...), con mesa e cadeira axeitadas a túa estatura; con iluminación, temperatura e ventilación apropiadas.
- Debes deitarte a unha hora fixa que che permita durmir entre nove e dez horas, segundo a túa idade.
- É importante que teñas un horario fixo e organizado para a realización de tarefas escolares (estudio e repaso), igual que o tes para durmir, comer ou xogar.
- A televisión nunca ha ser unha escusa para que altére-lo horario das pequenas tarefas familiares, escolares e extraescolares nin da hora de deitarse.
- Cómpre que che axuden a ser selectivo/a coa televisión e non ver todo o que che boten.
- Debes ir responsabilizándote (de acordo coa túa idade) do coidado e bo uso do teu material escolar (os útiles escolares estarán sempre listos para poder ser empregados: o lapis afiado, a goma de borrar no seu sitio, as libretas limpas e coas follas sen dobrar polas esquinas...)
- Antes de irte a durmir, debes deixar preparada a túa mochila escolar para o día seguinte (esta é unha tarefa túa e non dos teus pais, que en todo caso a supervisarán, sobre todo cos nenos/as máis pequenos).
- Recorda que é tan importante o teu bo comportamento e actitudes como o propio rendemento académico.
- Ante calquera dúbida que che poida xurdir acude a falar co teu titor ou titora, que che aclarará as túas dúbidas e terás así sempre información correcta. Non te deixes guiar polo que che din "de oídas".
- A puntualidade, ademais de ser unha norma de obrigado cumprimento, tamén o é de respecto e consideración cara os demais, que non teñen por que sufri-las consecuencias da impuntualidade doutros/as.
- Ten sempre en conta que o Centro é como a túa segunda casa, no que pasas moitas horas da túa vida, no que tamén debe haber orde e coidado das cousas.
Estimado/a alumno/a, este curso tampouco esquezas...
-Que as papeleiras non son obxectos decorativos, senón que teñen una clara utilidade.
-Emprega-los servicios do recreo, en vez de ir logo directamente ós do interior do colexio, producindo molestias á compañeiros/as e profesores/as que xa están traballando
-Estar na túa fila á hora de entrar no colexio, tanto cando vés da túa casa como cando remata o recreo.
-Ten sempre presente que é moito máis eficaz traballar un pouco tódolos días que traballar moito un día ou dous.
-Alumnos/as de 3º e 4º de primaria, non esquézade-la responsabilidade que contraíchedes ó recibi-los libros de texto en calidade de préstamo. Procura coidalos moi ben porque han servir para outros/as compañeiros/as no próximo curso. Sé responsable e entrégaos, ó final de curso, no mesmo estado en que a ti che gustaría recibilos. Sé solidario e así todos sairemos gañando.
Suxestións os pais / nais dos alumnos
-Convén estimula-la actividade persoal dos fillos/as, non facéndolles aquelo que poidan facer por eles mesmos (Toda axuda innecesaria acaba producindo limitacións)
-É preferible valorar máis nos fillos/as o esforzo que os resultados, pois o esforzo é a base da educación.
-Deben os pais interesarse con frecuencia polo traballo e o rendemento dos seus fillos/as, e non soamente cando lles dan as notas.
-Ante calquera dúbida que lle poida xurdir ó oír falar do colexio ó seu fillo/a, acuda a falar co titor/a do neno/a, quen lle aclarará as súas dúbidas e vostede terá así sempre información de primeira man. Non se deixe guiar polo que se di "de oídas".
-O ambiente que nos rodea inflúe no noso comportamento. E ben sabemos que se aprende moito por imitación. De aí a importancia de conseguir un bo ambiente familiar, no que prime o traballo, a tolerancia, o respecto...
-É importante comentar cos fillos/as noticias de interese, proxectos familiares, asuntos importantes,….
-Se os fillos/as ven que seus pais len, tamén acabarán facéndoo eles/elas.
-Cómpre ser selectivos coa televisión e non permitirlle ós fillos/as ver todo o que emitan. É importante tamén tentar que comprendan as razóns do non.
|