O magosto é a festa de exaltación da castaña que leva asociados moitos elementos presentes en diversos ritos e tradicións de Galicia.

Esta festa hoxe en día celébrase reuníndose os asistentes para asa-las castañas e seguidamente come-las e xogar, bailar, contar contos, cantar, etc.

As castañas poden asarse no lume directamente, ou tamén meténdoas dentro dun cilindro metálico con furados e que poida xirar sobre o lume. Nalgunhas zonas utilizase tamén unha tixola con furados e incluso latas perforadas cun punzón.

É común tiznarse a cara uns ós outros cos restos da fogata e saltala para que dea boa sorte.

A festa do magosto ten ingredientes dos rituais celtas como o lume, a coincidencia co fin do verán, etc.