Día das Letras Galegas 2010 adicado a :

Roberto Vidal Bolaño

Santiago de Compostela 1950- Santiago de  Compostel, 2002

O dramaturgo galego.

 

Roberto Vidal Bolaño naceu en Santiago de Compostela en 1950 e faleceu na mesma cidade en 2002. Formou parte do denominado "Grupo Abrente" que, a partir da década dos 70, renovou e actualizou tanto a escrita como as representacións dramáticas galegas. Todas as súas actividades xiraron sempre, e en exclusiva, arredor do teatro: desde a creación do "Grupo Antroido", en 1975, até a súa compañía actual "Teatro do Aquí", pasando pola breve experiencia da cooperativa "Teatro do Estaribel". En 1978 deu o paso definitivo que levou ás xentes do teatro galego a se transformaren en profisionais, superando de vez a pantasma de "amador" que pairara sempre sobre a historia do noso teatro.
A súa produción está caracterizada polo compromiso co país e a lingua, a experimentación estética, e o diálogo coa tradición, tanto culta como popular, literaria e histórica, social e política. O feito de que Vidal Bolaño escribise para a súa compañía, coa urxencia que esixe a obrigada estrea anual e a atención dedicada ao texto espectacular, non empeceu en absoluto a calidade literaria dos seus textos dramáticos, nos que as resonancias de Otero Pedrayo e Valle Inclán se transforman en esmaltes que enriquecen a súa literatura e agasallan ao lector.
A pesar de que xa nas décadas dos setenta e oitenta lograra diversos premios ("Abrente", "O Facho" e "Ciudad de Valladolid"), como aconteceu con outros integrantes do "Grupo Abrente", o recoñecemento artístico de Vidal Bolaño non se produciu até os anos noventa, cando a obtención de premios institucionais, galegos e portugueses ("Rafael Dieste", "Alvaro Cunqueiro", "Xacobeo 92", "Eixo Atlántico", "María Casares"...), normalizou tanto a publicación das súas obras como o seu coñecemento por parte da prensa e, en consequencia, do público.
A súa forte personalidade deixou unha profunda pegada nos dramaturgos máis novos, cuxas consecuencias se verán co trancorrer do tempo.
A figura e a obra de Roberto Vidal Bolaño foron fundamentais na construción dun teatro nacional galego.
Obras realizadas:
Como dramaturgo, podemos destacar as seguientes obras: Días sen gloria, Saxo Tenor e a triloxía Anxeliños, Criaturas e Animaliños. Tamén foi o autor de Mar Revolto, Rosalía e Laudamuco, Señor de ningures. Como actor, participou nas seguintes películas: Sempre Xonxa de Chano Piñeiro, A noiva de medianoite de Arturo Simón, Amor serrano de Luis Listre e A lingua das volvoretas de José Luis Cuerda.