Día das Letras Galegas 2010 adicado a :

uxio

Uxio Novoneyra

Parada de Moreda-Courel (Lugo), 1930 - Santiago de  Compostela, 1999

O camarada da vida.

Uxío Novoneyra nace o 19 de Xaneiro de 1930, na aldea de Parada de Moreda, en plena serra do Courel, dentro dunha familia labrega acomodada. Pasa a nenez e mocidade neste marco xeográfico courelán.
En 1945 trasládase a Lugo para estudiar o bacharelato, que remata en 1948. Neste último ano coñece nesta cidade o escritor da Terra Cha Manuel María.
De 1949 a 1951 está en Madrid e alí matricúlase por ouvinte na carreira de Filosofía e Letras. Esta xeira madrileña é unha etapa de formación cultural na que empezará a escribir en castelán na revista universitaria Bengala.
En 1952 Novoneyra volve a Galicia para facer o servicio militar, con estancias en Santiago, A Coruña e Lugo, coincidindo outra vez con Manuel María. As experiencias composteláns son fundamentais pois espertan no escritor unha nova conciencia galega que se vai forxando en contacto con figuras como o pintor Carlos Maside, o ensaísta  Ramón Piñeiro e a figura polifacética e patriarcal de Ramón Otero Pedrayo. É precisamente este contacto co galeguismo, xunto coa volta ao Courel durante unhas vacacións no ano 1952, o que motiva o autor para escribir en galego.
De 1953 a 1962, permanece no seu lugar de nacemento tendo que gardar repouso a causa dunha pleuresía. Nesta situación de soidade nace o ciclo poético courelán, que se inicia co libro “Os eidos” , escrito entre 1952 e 1954.
No período que vai de 1962 a 1966 o escritor vive en Madrid. Nesa capital traballa na radio e na televisión. Neste ambiente de vangarda artística e preocupación socio-política escribe, entre 1962 e 1965, a serie poética titulada “Elegías de Madrid”, que xunto con outras dúas anteriores (“Primera verdad y tiempo con nombres” e “Elegías del Caurel” conforman o libro Elegías del Laurel y outros poemas.
 En 1966 retorna de novo ao Courel, debido á enfermidade dos seus proxenitores, e xa desde este momento quedará a vivir en Galicia. En 1968 coñece en Lugo a Elva Rei coa que casará en 1973. A parella terá logo tres fillos, Branca- Petra, Uxío e Arturo, e residirá ata 1983 entre Lugo e O Courel. Daquela recolle os poemas do ciclo courelán que, xunto con outros máis recentes de marcado signo político, conforma a obra titulada “Os eidos 2” dedicada á memoria dos seus pais e de María Mariño.
As dimensións políticas aparecen no seu seguinte libro, Poemas caligráficos (1979).
En 1983 afíncase definitivamente en Compostela, desde onde exerceu a presidencia da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desde o punto de vista creativo, na segunda metade da década dos oitenta comeza unha reagrupación temática da súa obra completa en Muller pra lonxe (1986)

Nos anos dá a coñecer dúas publicacións de literatura infantil, O cubil do xabarín (1991) e Gorgorín e Cabezón ( 1992), dous contos de aventuras protagonizados por rapazas e rapaces, ambientados no Courel e cunha rica linguaxe poética.

En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras, e en 1998 Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.

Neste último período o poeta segue sacando á luz diversas mostras creativas en distintos medios, como as “Lendas de a cavalo” (1997), pertencentes á obra inédita a que o propio escritor se ten referido en distintas ocasións como Libro de Rotas/ Ameto Mítico., e que sairía á rúa uns días despois do seu pasamento, acaecido o 30 de outubro de 1999, baixo o título Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999)

Nos seus textos, Novoneyra explicita o seu compromiso nacionalista e marxista, sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e pola linguaxe. Formalmente, procuraba o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos e vulgarismos, os silencios, o simbolismo gráfico, etc). As poucas palabras que emprega pretenden evocar dun modo máxico o mundo no que o home esta inmerso, designando as cousas para que estas aparezan perante nós.

.

uxio2

Busto de Novoneyra na Praza Maior de Lugo


 

 

 

 

 

 

uxio3

 

OBRAS


  • Os eidos (1955)
  • Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974)
  • Poemas caligráficos (1979)
  • Libro do Courel (1981)
  • Muller pra lonxe (1987)
  • Do Courel a Compostela 1956-1986 (1988)
  • O cubil de Xabarín (1990)
  • Tempo de elexía (1991)
  • Gorgorín e Cabezón (1992)
  • Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994)
  • Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas (1998)
  • Dos soños teimosos Noitarenga (1998)
  • Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998)
  • Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas (1999)

POEMAS:

SE O PASADO É PASADO

 

Se o pasado é pasado
i o presente é o urgente
por qué inda busca a xente
aquil soño clausurado?


Vido visto ben Santiago
i esa cuestión non resolta
fago camiño de volta
camiño de volta fago.


Camiño de volta fago
volvo do cabo do Mundo.
Terra sólo en ti me fundo:
é a certeza que trago.

 

LETANÍA DE GALICIA

GALICIA digo eu ún di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
hastr’os que calan din GALICIA
e saben sabemos

GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza

libre pra servir libre pra servir
libre pra non ser libre pra non ser
libre pra morrer libre pra morrer
libre pra fuxir libre pra fuxir

GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa
GALICIA irmandiña
GALICIA viva inda

recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n’il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa

recóllote i érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d’argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa

sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa