Día das Letras Galegas 2009 adicado a :

ramon piņeiro

Ramón Piñeiro López

Láncara (Lugo), 1915 - Santiago de  Compostela, 1990

Un lugués, primeiro presidente do Consello da Cultura Galega

Ramón Piñeiro López naceu en Láncara (Lugo) en 1915. Despois de cursar na capital da provincia o Bacharelato elemental, volta á súa vila para axudar nas tarefas agrícolas familiares e en 1930 comeza a traballar en Sarria. En 1931, ano da proclamación da República, terá a oportunidade de asistir nesta vila a diferentes actos electorais. Un ano despois Piñeiro regresa a Lugo para estudar o Bacharelato superior e, influído por un mitin do recén creado Partido Galeguista, Ramón participaría na creación da Mocedade Galeguista de Lugo, sendo elixido secretario de Cultura (máis tarde chegaría a desempeñar o cargo de presidente). A partir deste momento Piñeiro entra nun período de intensa actividade política que o levaría a exercer en 1936 como secretario do Comité Provincial do Estatuto de Autonomía organizado polo Partido Galeguista.
     Tras a guerra civil comeza a cursar Filosofía e Letras en Compostela e Madrid. Porén, Piñeiro, máis preocupado pola reagrupación clandestina do galeguismo, abandonaría definitivamente estes estudos. Cando a finais de 1945 os nacionalistas cataláns, bascos e galegos deciden tratarco goberno republicano exiliado en Francia, Piñeiro será designado como representante galego naquela xestión. De regreso sería detido e condenado a seis anos de prisión, dos cales cumpriría tres, de 1946 a 1949. Xa libre, Piñeiro voltará a Galiza e desde entón vaise esforzar en mudar radicalmente a estratexia galeguista, prescindindo da opción política e reducíndoa cara á intervención cultural, o que provoca a desvertebración do Partido Galeguista. Froito deste posicionamento, coñecido como "piñeirismo", será a fundación en Vigo de Galaxia (1950), a primeira iniciativaeditorialgaleguista de posguerra. Como director desta empresa e codirector da revista Grial, Piñeiro dedicarase á promoción e difusión da cultura galega.
A súa breve produción ensaística  ten como punto de partida o pensamento filosófico: Siñificado metafísico da saudade (1951), Pra unha filosofía da saudade (1953), A saudade e Rosalía (1962)...
  No ano 1967 ingresa na Real Academia Gallegacun discurso titulado A lingoaxe i as língoas (1967). Xa en época democrática sae eleito deputado independente do Parlamento de Galiza polas listas do PSdeG-PSOE e desde 1983 até a súa morte, acontecida en Compostela en 1990, Ramón Piñeiro será presidente (o primeiro) do Consello da Cultura Galega.