Día das Letras Galegas 2007 adicado a :

mariamariño

María Mariño Carou

(1907-1967)

Unha voz desacougante e insólita.

María Mariño naceu en Noia no ano 1907. Filla de Xosé María e Filomena, era a segunda de cinco irmáns. A súa infancia e xuventude están marcadas polas dificultades económicas da familia, e así despois duns poucos anos de escola traballou como costureira polas casas. A súa familia trasládase a Boiro polas difícultades económicas e o comenzo da guerra civil, esto permítenlle un primeiro contacto coa literatura xa que unha tía súa traballaba no Pazo de Goián no que había unha boa biblioteca. Ese descoñecemento da cultura é un dos aspectos que dan orixinalidade a súa escrita. 

Casa en Boiro co mestre Roberto Posse e despois dun tempo no País Vasco, onde morre o seu único fillo ao mes e medio de nacer, regresan a Galicia. Instálanse, por motivos de traballo, primeiro en Romeor do Courel e logo en Parada, a onde se trasladan por consello médico a causa da depresión nerviosa que sofre. Neste lugar pasará María Mariño o resto da súa vida, fai algunha viaxe a Noia e Monforte e pasa as vacacións nos últimos anos na cidade da Coruña. 

No ano 1957 iníciase como escritora primeiro en castelán e logo en galego, no Courel coñece a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro. Palabra no Tempo que se edíta no ano 1963. Na súa vida do Courel, María Mariño tivo relación con figuras tan importantes da cultura galega como Manuel María, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell,etc. Xa enferma, e nun último esforzo, comeza a escribir de novo e compón os poemas que conformarán a súa obra póstuma, Verba que comeza , onde a poeta amosa a súa angustia ante a presenza da morte. O libro remátase en marzo do 1967 e a escritora morre en maio a causa dunha leucemia.
Antes escribira dúas obras en castelán: " Los años pobres. Memoria de guerra e postguerra " e " Más allá del tiempo" . No ano 1994 Ed. Xerais publica a súa Obra Completa.  

Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.


 

 

 

 

 

Palabra no tempo

Libro 1. "¡Inda vou na misma meniña..."

¡Inda vou na misma meniña

aquela que fogueaba sin leito!

¡Son aquela!

¡Son aquela que no bosco

escuitaba o himno dela!

Son aquela mañanciña,

entre orballo das rosas,

enre area de sendeiros,

onde atopaba a campana.

Caladiña eu chamaba

en berros que hoxe esquezo,

cando o navío de lonxe

o meu mar cheo atracaba.

¡Son aquela!

Son aquela tarde queda

que no serán se chamaba

miña aurora sin coores

chea dun farto rebusco

que en un xordo a min chegaba.

¡Son aquela!

Son aquela pena nubra

que de mofo entrenzaba

a lonxe voz do poeta,

cando aínda non sabía

que era pra ela

o que aquela voz narraba.

¡Son aquela!

Son aquela sempre soia

que paseaba a ribeira

a ver si nela atopaba,

a ver si nela afogaba.

Eu non sei,

eu non sei son sinceira.

Eu sentía un lonxe triste,

eu sentía nel ledicia,

eu quería quedar soia,

eu quería compañía,

¡aquela que eu non sabía!

Hoxe o sol enxuga a néboa.

Os dous tecen amores.

¡Han de saber algo dela!