Día das Letras Galegas 2006 adicado a :

manulug

Manuel Lugrís

Un galeguista pioneiro

Manuel Lugrís Freire naceu en Sada en 1863 e con vinte anos emigrou a Cuba. Na Habana foi elixido membro da xunta directiva do Centro Galego e fundou e dirixiu o primeiro xornal americano redixido totalmente en galego: A gaita gallega (1885-1889). Alí publicou o seu primeiro poemario (Soidades, 1894), prologado por Curros Enríquez, e escribiu a súa primeira obra dramática: A costureira da aldea. De volta á Galicia en 1896, instalouse na Coruña e proseguiu o cultivo da literatura,editando en 1901 Noitebras.
     Relacionado cos rexionalistas herculinos, Lugrís tomou parte en case todalas actividades galeguistas. Así, foi o primeiro en utilizar nun mitin a lingua galega e figurou entre os patrocinadores da Escola Rexional de Declamación (1903), da que sería presidente. Desde este momento, a maior preocupación de Lugrís foi a de fornecer de textos á nova entidade, todos eles cunha forte carga reivindicativa e rompedores co costumismo imperante. Tras a presentación da Escola cunha peza de Salinas, a totalidade dos espectáculos realizados polo cadro contaron con títulos da súa autoría: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904). Alén de figurar como o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa, é o máximo representante do teatro social ou de tese.
     Porén, Lugrís deixaría definitivamente o teatro e retomaría a creación poética. Tamén asinou (co pseudónimo Asieumedre) numerosos relatos breves que serían compilados en 1909 no volume Contos de Asieumedre e aínda publicaría unha Gramática do idioma galego (1922).

     En 1923 ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal. A Real Academia nomeouno presidente en 1934, posto ao que renunciaría un ano máis tarde por problemas de saúde. Nesa década, colaborou, así mesmo, na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía.
     Tras o conflito bélico, que provocou a persecución da actividade galeguista, Manuel Lugrís morreu na Coruña en 1940.

      O fillo de Lugrís Freire foi o famoso pintor Urbano Lugrís e o seu neto, tamén pintor, é Urbano Lugrís Vadillo. 


 

 

 

A festa de Tacón

( Fragmento texto orixinal) 

De gran divirtimento foi pra min, y-o mesmo sería pra moitos mais, a noite de Santiago. A yalma solazábase o ver a íntima unión qu'entre todos había. A Pátrea y-a Caridá foron festexadas como os gallegos sabemos facelo.
     ¡Algunhas noites, com-a de que falo fan falla ainda pra axuntar o modo de pensar d'os bos gallegos, e pra rempuxarnos pol-o camiño d'a cobizada rexeneracion d'a nosa sempre adourada Galicia!